Con motivo da celebración da Semana do Libro, no noso cole vivimos unha xornada moi especial chea de aprendizaxe, diversión e tradición co alumnado de 2º a 6º de educación primaria..
Tivemos a enorme sorte de recibir a visita dunha profesora experta en xogos tradicionais, que compartiu co alumnado unha mañá inesquecible, descubrindo e practicando xogos populares galegos. A través da brincadeira, o movemento e a participación, nenos e nenas puideron achegarse ao patrimonio lúdico de Galicia, coñecendo xogos cos que medraron xeracións enteiras.
Foi unha experiencia enriquecedora na que non faltaron risas, a convivencia e o traballo en equipo, demostrando que os xogos tradicionais seguen moi vivos e continúan sendo unha magnífica ferramenta educativa e cultural.
Ademais, a nosa convidada Manuela Vázquez, quixo facerlle un agasallo moi especial á biblioteca: un exemplar dun libro elaborado polo Patrimonio Lúdico Galego, no que se recollen numerosos xogos tradicionais de Galicia.
Queremos agradecer esta visita tan inspiradora, que nos permitiu unir lectura, cultura popular e xogo nuns días ben xeitosos relacionados coa conmemoración do Día do Libro.












































